Mulleres de conto é un espectáculo que dá voz ás heroínas anónimas: mulleres que non levaron unha vida de conto, pero que por iso merecen ser lembradas.
A palabra contada convértese nun acto de restitución da memoria colectiva, para reparar inxustizas e devolverlles o lugar que lles foi negado.
A través de contos tradicionais e historias reais, mesturamos tradición oral e vida cotiá, ás veces dura, mais narrada con humor e retranca. Cada historia é un berro de xustiza e unha celebración da resiliencia feminina, especialmente das mulleres do rural.
Falamos de mulleres fortes e resoltas que souberon saír adiante e superar dificultades: como Carmela, que non se deixou amedrentar por inventos modernos, ou Divina, quen cunha soa palabra resolveu conflitos e calou bocas.
Historias contadas con tenrura, ironía e solidariedade.